Protección de datos
Que facemos cos teus datos, quen pode velos e que dereitos tes, conforme ao Regulamento (UE) 2016/679 (RGPD) e á Lei orgánica 3/2018 (LOPDGDD).
Versión 1.2 · 11 de setembro de 2026
Quen é responsable dos teus datos
- Responsable
- ASOCIACIÓN XENTE DE FÓRA
- NIF
- G05571401
- Sede
- Santiago de Compostela
- Correo
- info@xentedefora.gal
A asociación non ten delegado ou delegada de protección de datos porque a lei non o esixe para unha entidade como a nosa. Para calquera cuestión sobre os teus datos, escribe ao correo de contacto: responde a xunta directiva.
Esta web
Esta web non usa cookies nin ferramentas de analítica e non recolle datos persoais. O formulario de alta está en Google Forms.
Que datos recollemos
- Persoas asociadas: nome e apelidos, DNI ou NIE, data de nacemento, teléfono e correo electrónico. Non che pedimos o enderezo postal.
- Pagamentos: as cotas páganse por transferencia á conta da asociación, así que no noso extracto bancario figuran o teu nome, a data e o importe. Non che pedimos o teu IBAN nin domiciliamos recibos.
- Imaxes: fotos e vídeos das actividades, só se nolo autorizas.
- Persoas que nos escriben: o nome e o contacto que nos deas para responderte.
Non tratamos datos especialmente protexidos (saúde, ideoloxía, orientación sexual). Se algunha vez fixese falta un dato así, por exemplo unha alerxia para unha saída, pediriámoscho aparte, explicando para que, e só co teu consentimento.
Para que usamos os datos e con que base legal
| Para que | Base legal |
|---|---|
| Tramitar a túa solicitude de alta, levar o libro de persoas asociadas, convocarte ás asembleas e comunicarche o que afecta ao funcionamento da asociación. | A relación de socio ou socia contigo (art. 6.1.b do RGPD) e as obrigas da Lei orgánica 1/2002 de asociacións (art. 6.1.c). |
| Cobrar as cotas e levar a contabilidade. | A relación de socio ou socia e as obrigas contables e fiscais. |
| Organizar as actividades (clases, ensaios, actuacións, saídas) e, se as aseguramos, comunicar á aseguradora quen participa. | A relación de socio ou socia e o interese lexítimo en protexer as persoas participantes. |
| Enviarche novidades e información xeral das actividades por correo. | O teu consentimento, que podes retirar cando queiras. |
| Publicar fotos e vídeos nas redes sociais e na web da asociación. | O teu consentimento, que podes retirar cando queiras. |
| Solicitar e xustificar subvencións públicas. | Obriga legal e interese público: as administracións poden pedir listas de persoas asociadas ou participantes. |
| Atender os teus dereitos e as túas consultas. | Obriga legal. |
Distinguimos dúas cousas: as comunicacións necesarias para funcionar (convocatorias, cotas, avisos da directiva) recíbelas sempre mentres sexas socio ou socia; as informativas (novidades, actividades abertas) só se as pediches.
Quen pode ver os teus datos
- A xunta directiva (presidencia, secretaría e tesourería), cada quen para as súas funcións. Ninguén máis dentro da asociación.
- Provedores que gardan os datos por nós (encargados do tratamento): Google, a través de Gmail, Drive, Formularios e Follas de cálculo da conta da asociación. Cando cobres o formulario de inscrición, os datos entran directamente nesas ferramentas. Google LLC ten sede nos Estados Unidos; a transferencia ampárase no Marco de Privacidade de Datos UE-EE. UU. e nas cláusulas contractuais tipo da Comisión Europea.
- O banco da asociación, que ve os datos das transferencias que fas.
- Administracións públicas (Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Santiago, Axencia Tributaria) cando unha lei ou unha subvención o esixa.
- A compañía aseguradora, se contratamos un seguro para as actividades, e só os datos necesarios para asegurarte.
- As redes sociais onde publicamos as imaxes que autorizaches.
Non vendemos datos nin os cedemos con fins comerciais a ninguén.
Canto tempo os gardamos
- Mentres sexas socio ou socia.
- Ao darte de baixa, bloqueámolos e conservámolos só o tempo que a lei esixe para responder de posibles obrigas: ata catro anos polas fiscais e ata seis polas contables. Despois bórranse.
- Imaxes: ata que retires o consentimento. Desde ese momento deixamos de publicar novas e retiramos dos nosos medios as que nos indiques, na medida en que sexa tecnicamente posible; as copias que outras persoas fixesen antes escapan ao noso control.
- Solicitudes non admitidas ou retiradas: bórranse aos seis meses.
Os teus dereitos
Podes pedirnos en calquera momento, de balde:
- Acceso: saber que datos temos de ti.
- Rectificación: corrixir os que estean mal ou incompletos.
- Supresión: que os borremos, cando xa non sexan necesarios.
- Oposición e limitación: que deixemos de usar os datos para un fin concreto, ou que só os gardemos sen usalos.
- Portabilidade: recibir os teus datos nun formato que poidas reutilizar.
- Retirar o consentimento que deras para a imaxe ou as comunicacións, sen que afecte ao que se fixo antes.
Escribe a info@xentedefora.gal desde o correo que nos deches. Se escribes desde outro, pedirémosche algo que confirme a túa identidade. Respondemos nun mes como máximo.
Se cres que non atendemos ben os teus dereitos, podes reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos, en www.aepd.es.
Menores
- A alta como persoa asociada é para persoas maiores de idade. Se algún día abrimos a inscrición a persoas de 14 a 17 anos, farémolo coa autorización asinada da nai, do pai ou da persoa titora, como esixen a lei de asociacións e o artigo 7 dos nosos estatutos, e actualizaremos esta política.
- Para publicar imaxes de menores (por exemplo, nunha actuación aberta ao público) pedimos sempre o consentimento da persoa titora, e retirámolas en canto nolo pida.
Imaxes e redes sociais
- Só publicamos fotos e vídeos de quen o autorizou. Podes retirar a autorización cando queiras.
- Nas actuacións e eventos abertos ao público pode haber imaxes de grupo nas que alguén apareza de xeito accesorio. Se non queres aparecer, dinolo antes ou pídenos despois que retiremos unha imaxe concreta, e farémolo.
Como protexemos os datos
- Os datos gárdanse nas contas da asociación, protexidas con contrasinal e verificación en dous pasos, non nos dispositivos persoais de ninguén.
- Só accede a xunta directiva, e cada persoa só ao que necesita para o seu cargo.
- Se algunha vez houbese unha fuga de datos que supuxese un risco para ti, avisaríamoste e comunicariámosllo á Axencia Española de Protección de Datos no prazo legal de 72 horas.
Cambios nesta política
Se cambiamos algo relevante, avisaremos ás persoas asociadas por correo. A versión vixente é a desta páxina e está enlazada no formulario de inscrición.